Outro home relevante para o pósito de Burela: o bispo Leopoldo Eijo Garay

HERMINIA PERNAS OROZA

BURELA

Cedida

Os avós paternos eran naturais da localidade burelense e tiñan parentes en Cervo

16 may 2024 . Actualizado a las 08:32 h.

Naceu en Vigo, no barrio do Areal, o 11 de abril de 1878 no seo dunha familia humilde. O seu pai era mariñeiro e a nai servía na casa da adiñeirada familia Tapias, que acabaría apadriñando ao neno despois da morte do pai, afogado no mar. Cando esta familia se trasladou a Sevilla, Leopoldo e máis a súa nai marcharon con eles; e foi nesta cidade onde o rapaz cursou os estudos eclesiásticos, primeiro na Universidade sevillana e, posteriormente en Roma, onde se doutorou en Filosofía, Teoloxía e Dereito Canónico.

A súa carreira eclesiástica foi brillante; aos 36 anos recibe o nomeamento de bispo de Tui; aos 39, o de bispo de Vitoria, e aos 45 tomou posesión da cadeira episcopal de Madrid-Alcalá. Neste cargo mantívose durante corenta anos, sendo o seu, o pontificado máis longo da Igrexa española contemporánea, que finalizou o día da súa morte, acaecida o 31 de xullo de 1963. O Papa Pío XII outórgalle en 1946,  con carácter honorífico, o título de  “Patriarca das Indias Occidentais”.

Paralelamente á carreira eclesiástica desenvolve a súa vida cultural. Eijo Garay foi membro da Real Academia Española (1927), do Consello do Reino, do Instituto de España, da Pontificia Academia Romana de Santo Tomás, da Academia de Ciencias Morais e Políticas (1932) e da Real Academia Galega.

Logo de sinalar os trazos máis salientables da súa biografía, agora cómpre explicar o vencello deste bispo coa localidade de Burela, onde ten unha rúa dedicada. Trátase, sinxelamente, dun vínculo familiar xa que os seus avós paternos eran naturais desta vila, e ademais tamén tiña parentes no veciño concello de Cervo. Era curmán seu o indiano Emilio Rodríguez Eijo (nado en Cuiña en 1873 e emigrado a Arxentina en 1892). Ningún dos dous esqueceron as súas orixes, converténdose en benfeitores do concello cervense.

Porto refuxio

Corría o ano 1925 cando o pósito burelao andaba á procura dun porto de refuxio para as súas embarcacións, ancoradas en mar aberto. Precisamente este era un dos puntos que expuxo o presidente do pósito, Domingo González, nunha carta dirixida ao ministro de Fomento, explicando tal necesidade. Eijo Garay era bispo de Madrid polo que se lle fixo esta encomenda que el tomou como asunto persoal, realizando as xestións oportunas ante as altas instancias administrativas. A solicitude foi aprobada en 1930 pero faltaba a contrata das obras. Neste labor resultou fundamental a axuda de cinco persoas: o bispo Eijo Garay, os enxeñeiros César Conti Fernández, José de la Peña Gavilán, Cándido Fernández López e Manuel Becerra Fernández; ademais de Ramón Cortiñas, que por aquel entón era gobernador civil de Burgos.

Todos seguiron paso a paso o expediente ata que o Consello lle deu autorización ao ministro de Fomento para que realizase a poxa das obras, cuxo presuposto de contrata importaba a cantidade de 1.202.514,62 pesetas. O decreto foi asinado polo rei Afonso XIII e o ministro de Fomento, Leopoldo Matos y Massieu, o día 25 de outubro de 1930. Un ano máis tarde, todas estas persoas foron nomeadas pola xunta directiva presidentes honorarios do pósito como agradecemento polas súas xestións. Eijo Garay foi testemuña do reinado de Afonso XIII, quen pediu para el o seu nomeamento como bispo de Madrid; dos convulsos anos da ditadura de Primo de Rivera; da Segunda República —era amigo persoal de Manuel Azaña e de Manuel García Morente, alumno e máis tarde profesor da Institución Libre de Enseñanza—; da Guerra Civil e da consolidación do réxime franquista.

Parece que se lle negou o rango de arcebispo a unha persoa de tanta valía intelectual como “castigo” por fuxir da súa diocese para librarse da vaga de terror que invadiu Madrid durante o verán e outono de 1936. Neste contexto hai que situar as Brigadas de Investigación, para quen resultaban sospeitosos de traizón cantos militaran nas filas da CEDA, Falanxe Española, Unión Militar Española ou experimentaran sentimentos monárquicos e crenzas relixiosas, como era o caso de Eijo Garay, quen se zafou da persecución relixiosa desencadeada neses momentos.

Parece que se lle negou o rango de arcebispo a unha persoa de tanta valía intelectual como “castigo” por fuxir da súa diocese para librarse da vaga de terror que invadiu Madrid durante o verán e outono de 1936. Neste contexto hai que situar as Brigadas de Investigación, para quen resultaban sospeitosos de traizón cantos militaran nas filas da CEDA, Falanxe Española, Unión Militar Española ou experimentaran sentimentos monárquicos e crenzas relixiosas, como era o caso de Eijo Garay, quen se zafou da persecución relixiosa desencadeada neses momentos.

O día 17 de xullo de 1936 Santiago Casares Quiroga, ministro de Gobernación e presidente do Consello de Ministros, poucas horas antes de dimitir, avisou a Eijo Garay con estas palabras: «Márchese cuanto antes de Madrid porque hoy respondo de su vida, pero mañana ya no podré responder de ella». Esa mesma tarde o bispo abandonaba a capital, camiño de Vigo, provisto dun pasaporte que lle proporcionara no último momento o propio Casares Quiroga.

Desde o comezo da Guerra Civil manifestou unha devota implicación co bando rebelde; participando na redacción da Carta Colectiva do episcopado, de 1937, onde a Igrexa Católica proclamaba «el sentido cristiano de la guerra» e a necesidade de exterminar a un inimigo «ateo y extranjero».

Cando rematou a contenda, foi o propio Eijo Garay quen organizou o día 20 de maio de 1939 a entrada de Franco baixo palio na igrexa de Santa Bárbara de Madrid, arroupado por dezanove bispos.

Os cargos que desempeñou durante o franquismo foron moitos: Conselleiro Nacional de Falanxe, procurador en Cortes e membro do Consello de Rexencia Conselleiro do Movemento, Conselleiro do Reino e membro do Consello de Rexencia, e ata exerceu a Xefatura de Estado xunto ao presidente das Cortes, Esteban Bilbao, e o tenente xeneral Miguel Ponte y Manso de Zúñiga, do 22 ao 27 de outubro de 1949, durante unha viaxe oficial de Franco a Portugal.

Co pasamento deste persoeiro no 1963, a vila mariñeira de Burela quixo agradecer o que fixeron pola xente do mar un bispo e un mestre, e designou cos seus nomes senllas rúas da localidade.

* Herminia Pernas Oroza, Cronista Oficial de Burela