«Non vexo nada malo en identificar nunha gravación a quen raia un coche,  rompe un banco ou circula sen seguro podendo danar a outros»

Lucía Rey
lucía rey BURELA / LA VOZ

CERVO

Manuel Galdón está tratando de achegar máis o servizo da Policía Local ó cidadán
Manuel Galdón está tratando de achegar máis o servizo da Policía Local ó cidadán XAIME RAMALLAL

Manuel Galdón Couto, recén ascendido a oficial e responsable da Xefatura da Policía Local de Burela, alerta de que a xubilación de tres axentes no próximo ano pode tensionar o servizo

29 abr 2024 . Actualizado a las 13:48 h.

Case 30 anos leva como policía local en Burela Manuel Galdón Couto (Forxán, San Martiño, Foz-1970), que aprobou a oposición en Cervo en outubro do 1994, pouco antes da segregación. Hai uns días tomou posesión como oficial encargado da xefatura da Policía Local burelense, que dá servizo e cobertura a un municipio que roza os 9.500 habitantes.

—Cal é o cambio máis importante que percibe?

—Sobre todo a necesidade que teño agora de xestionar as relacións con persoas. De feito, na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), a materia con máis carga lectiva no curso de mandos ten que ver con recursos humanos, resolución de conflitos e comunicación. Tanto cos compañeiros da policía e a Alcaldía, como con outras institucións, como Garda Civil, Xefatura Provincial de Tráfico, Subdelegación do Goberno ou a propia prensa. Afortunadamente, no meu caso, todos me están axudando e estou moi agradecido. Tamén aumenta moito traballo de oficina e que teño un teléfono dispoñible constantemente.

—Por que xurdiu agora a posibilidade de promocionar?

—Desde que aprobei tivemos os mesmos xefes ata o ano pasado, e non houbo opción de ascender. Desde que se xubilaron, entre convocatoria, proceso selectivo e demais, pasou algo máis dun ano.

—En que situación se atopa a Policía Local de Burela?

—Na RPT (relación de postos de traballo), a plantilla está formada por dous oficiais e oito policías e agora mesmo estamos traballando un oficial e sete policías. Está vacante a praza de oficial xefe. Tivemos uns anos nos que na plantilla eramos dous menos e iso tensionaba o servizo moito. As últimas dúas incorporacións entraron en decembro. Agora mesmo, aínda que temos que intentar cubrir o 100% das prazas, especialmente a oitava de policía, non nos podemos queixar en vista de como están outras plantillas da comarca, pero no prazo dun ano xubilaranse tres compañeiros, e entre as prazas de reposición que hai e o que tardan os procesos selectivos ó mellor imos estar un par de aniños axustados.

—Como organizan o traballo?

—Facemos quenda de día de luns a domingo, e puntualmente os sábados de noite cando hai algunha actividade. Na Semana Santa, no Entroido, agora que veñen as festas..., cando hai algunha cousa que nos parece que pode ter algunha complicación.

—A que retos se enfrontan?

—Burela é un pobo tranquilo, non temos ningunha problemática especial. Aínda que dun tempo a esta parte si estamos vendo algúns episodios de vandalismo, sobre todo con pintadas e grafites; e un aumento de vehículos sen seguro e/ou ITV. Viríannos ben cámaras de vixilancia nalgúns puntos. Pode parecer impopular, pero non vexo nada malo en poder identificar nunha gravación a unha persoa que está rompendo un banco, raiando un coche ou circulando sen seguro cando pode causar danos a outros usuarios. Ademais, estamos traballando en achegar a Policía Local ós cidadáns para ofrecerlles un servizo máis próximo e que se nos vexa con máis presenza. Estamos patrullando máis na rúa, estamos máis nas redes sociais... Tamén participando en campañas do Plan Director da Subdelegación do Goberno ou nas da Dirección Xeral de Tráfico. Ademais, desde que abrimos as redes sociais notamos moito que nos trasladan moita información a través delas.

—O tráfico é a competencia máis delicada?

—O ano pasado tivemos cerca de 50 accidentes de tráfico e ó redor de 15 con feridos. Tes que desprazarte, facer o atestado, e aparte, no día a día, tes que regular un pouco a convivencia entre vehículos e peóns, cargas e descargas. E probablemente o máis importante no que estamos metidos despois de sacar adiante a ordenanza de tráfico, é o PMUS, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible, en cuxa elaboración estamos colaborando. Dá moitísimo traballo, pero vai supoñer un cambio radical para Burela a medio e longo prazo. Preténdese facilitarlle a vida ós cidadáns, especialmente ós peóns. Pero tamén levamos Vioxen, víctimas de xénero ás que lle facemos o seguemento.