Alfredo López: «Coa subida dos varamentos, o que vemos é o drama do propio mar»

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

Alfredo López é un dos portavoces da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (CEMMA)
Alfredo López é un dos portavoces da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (CEMMA) M.MORALEJO

Os biólogos mostran a súa preocupación pola saúde dos cetáceos galegos

24 mar 2024 . Actualizado a las 17:20 h.

Con anos de experiencia e unha gran paixón pola fauna dos océanos, Alfredo López, portavoz da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), é un dos mellores especialistas en Galicia na súa área.

—Que especies de mamíferos mariños habitan nas Rías Baixas?

—Nós rexistramos en Galicia 24 especies diferentes de cetáceos. Todas son susceptibles de pasar por aquí, por así dicilo, pero algunhas delas viven noutras zonas e se desprazan, e outras son residentes. As especies que son residentes son os arroaces, que viven dentro da ría, a nivel das Illas Atlánticas as toniñas, e máis fóra o golfiño común, o caldeirón e o arroaz boto. Logo hai baleas e outras especies que non viven aquí, pero que pasan de cando en vez e poden verse polo Parque Nacional ou na boca das rías.

—Hainas en perigo de extinción?

—Si, a toniña. Está declarada oficialmente polo Estado español nesa categoría e se declarou polos esforzos que fixo a Cemma para estudalas. Fomos nós os que dixemos que estaba nunha mala situación e había que clasificala nesa categoría.

—Como describía a toniña?

—É o cetáceo máis pequeno que vive nas nosas augas. Non supera os dous metros, rechoncha e non ten bico como os golfiños, é chata. A súa aleta dorsal e moi pequena e o seu comportamento é moi discreto. Os mariñeiros mesmo coñécena pouco porque fuxe dos barcos, non se achega a eles como fan os golfiños.

—Cantas poden quedar?

—É moi difícil de saber, pero posiblemente menos de 300. A súa frecuencia é moi baixa e son difíciles de estudar.

—Cun número tan baixo, cada varamento é unha traxedia.

—Sen ningunha dúbida.

—Que medidas se poden tomar?

—As medidas son difíciles porque habería que tomar algunhas a respecto de zonas de pesca, facer máis estudos para precisar onde se producen as capturas e en que épocas. Non se trata de medidas xerais que poidan prexudicar aos pescadores.

—Son os arroaces os mamíferos mariños que mellor coñecemos?

—Si, porque son os máis fáciles de ver. Hai xente que vai ao Caribe a ver cetáceos, pero simplemente con que se senten nunha das nosas rías e teñan un pouco de paciencia poden observalos perfectamente. Os coñecemos de vista, e da súa vida e do seu comportamento, vamos mellorando pero aínda hai moito máis que averiguar.

—Por exemplo?

—A relación que teñen entre eles, os seus movementos. Sabemos que están sempre nas rías, pero non son os mesmos sempre. Ver as épocas reprodutoras, como ensinan a cazar aos cachorros, entre outras cousas.

—Nestes últimos anos as cifras de varamentos son altas. Está pasando algo extraordinario ou é que agora se contan mellor?

—Está pasando algo extraordinario. Os cambios no mar son moi rápidos. Cando se lle fala á xente dos cambios climáticos, moitos dinche que iso será para moitos anos despois. Pero iso non é certo, os cambios están acontecendo de forma vertixinosa e os golfiños o que nos están dicindo é iso.

—E como se nota?

—As alteracións climáticas no océano o que están provocando é que lugares onde os golfiños ían comer, e as baleas, xa non existen para eles, e polo tanto buscan noutros sitios. Iso fai que aumente a densidade de golfiños e outros cetáceos nas nosas costas, ás veces moi cerca, e iso fai que creza a posibilidade de haber problemas. A maior parte dos golfiños sabemos que morren por morte accidental e se eses animais non teñen onde comer e se veñen para aquí, están comendo onde se pesca. Todo iso aumenta moito a captura accidental. O que estamos observando é o drama do propio mar.

—E posible a convivencia entre cetáceos e a pesca profesional?

—Non é fácil. Nós temos que pensar que os humanos lles estamos quitando o seu alimento. Eles só poden comer peixes e iso crea un conflito de moitos séculos, desde que o ser humano puxo a primeira rede no mar. Os cetáceos son moi listos e tamén vanse aproveitar das redes que están postas para obter o alimento dunha forma máis doada. De aí ven o conflito. Sabemos que agora a mortalidade é moi alta.

—As baleas chaman a atención cando pasan cerca das illas.

—As baleas pasaron sempre, dende o principio dos tempos usaron esta zona de paso e alimentación. O que pasa é que ata o ano 1985 foron cazadas e as que navegaban cerca da costa desapareceron. Agora non é que volvan, é que a aquelas que veñen cerca da costa non as caza ninguén. Agora todo o mundo ten teléfono e comparte información e parece que hai moitísimas máis baleas, pero realmente xa o facían antes. Neste momento as baleas dispoñen de pastos cada vez menores, é dicir, comían noutros lugares e agora xa non van alí, e por iso as vemos comendo moitas veces moi preto do litoral. Como cos golfiños, o que vemos é o seu drama. Alégranos moito velas tan preto, pero realmente o que vemos é o drama dos animais que no teñen que comer moitas veces. Lembro algunha das baleas que varou o último ano que era un exemplar esquelético, absolutamente delgado. Iso indícanos que teñen dificultades de atopar comida.