Cristina López Bravo racha os estereotipos de xénero sobre as enxeñerías no IES O Carril

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O programa Prensa-Escola e Viaqua promoven a procura de vocacións entre as estudantes cara á formación científica e tecnolóxica

01 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai anos, Prensa-Escola, o programa educativo de La Voz de Galicia, colabora coa empresa Viaqua e a asociación La Ciencia es Femenino para promover as vocacións das rapazas que estudan na comunidade cara ás titulacións científicas e tecnolóxicas, un eido no que a súa presenza é cativa. Esta acción acada a forma de charlas que percorren diferentes centros educativos. Onte, volveu ser o IES O Carril, en Vilagarcía, o que acolleu un coloquio que tivo como protagonista a Cristina López Bravo, enxeñeira de Telecomunicacións, doutora e profesora na escola de Vigo.

A iniciativa desenvolveuse na biblioteca do instituto, e a ela foron convocadas as alumnas e os alumnos de 1.º curso do Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía. As participantes atoparon no discurso da profesora López Bravo un verdadeiro freo fronte aos estereotipos de xénero que vinculan os estudos máis técnicos aos rapaces. Ademais de explicar a versatilidade dunha formación que toca practicamente todos os paus, sen esquecer as súas aplicacións nos eidos da atención sanitaria ou os servizos sociais, a doutora incidiu no feito de que as estudantes de Telecomunicacións seguen a ser minoría.