De que hoxe conmemórase algo importante

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

Este 10 de novembro a Declaración Universal de dereitos Humanos cumpre 75 anos

10 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os humanos están rexidos por leis desde fai uns catro mil anos. A maioría delas tiveron inspiración relixiosa e os clérigos en moitas partes do mundo, particularmente no musulmán, interpretan esas normas de maneira que Dereito e relixión non son aínda cousas diferentes. Mesopotamia, os hebreos, os brahmáns, os emperadores chineses, os xuristas xudeus e islámicos, os romanos, os reis europeos, o racionalismo e instrumentos internacionais da actualidade, son chanzos que foron moldeando a evolución desas leis. En Occidente —os países de influenza cristiá— conformáronse sistemas lexislativos que se foron equiparando con influencia da ONU. Este organismo universal ten un documento básico que dou lugar a cambios, avances, no respecto dos dereitos individuais: a Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948 que hoxe, 10 de decembro, cumpre 75 anos. Votaron a favor dese texto 48 dos 58 países que a formaban a  Asemblea Xeral. Abstivéronse a URSS e os países do Leste polo dereito a saír libremente de cada país; Arabia Saudí por non querer recoñecer a liberdade de matrimonio e poder cambiar de relixión e Sudáfrica polo apartheid. España non era membro nesa data polo rexeitamento internacional ao sistema político vixente desde 1939 e aínda que ingresou nese organismo o 14 de decembro de 1955, iso non supuxo tampouco adaptar o seu Ordenamento xurídico aos principios recollidos na Declaración. Esta Declaración ten un antecedente no século XIII, que a nós sorpréndenos: mentres a maioría das leis occidentais eran de carácter relixioso-represivo, nun lugar tan inesperado hoxe como Mali, na terra dos mandingas, a chamada Carta de Manden foi a primeira recompilación de dereitos humanos e por iso forma parte desde 2008 do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. A Declaración Universal de Dereitos Humanos da ONU de 1948 ten so 30 artigos e recolle os dereitos á liberdade e á igualdade do ser humano; á vida e á seguridade; o dereito poder recorrer diante dos tribunais que terán que ser independentes e imparciais; a presunción de inocencia; a irretroactividade da lei penal desfavorable; a protección da vida privada, da familia, da correspondencia, do domicilio, da honra; a libre circulación; o dereito de asilo e a unha nacionalidade; casarse en igualdade de dereitos; a propiedade individual e colectiva; a liberdade de pensamento, de conciencia, de relixión, de opinión, de expresión, de reunión e de asociación pacíficas; a resultar elector e elixible en eleccións por sufraxio universal; á seguridade social; o dereito ao traballo, con igual salario por traballo igual; o dereito a sindicarse e ao descanso; á saúde e ao benestar con asistencia médica e servizos sociais; a educación; o dereito a formar parte da vida cultural da comunidade. Pero cada día todos os xornais dinnos con crueza que se viven malos tempos para os dereitos humanos: guerras —Irak, Israel, Palestina, Libia, Siria, Iemen, Ucraína—, discriminación de minorías, catástrofes climáticas, torturas e malos tratos, pena de morte. Ademais nos países orientais —de influencia budista, hindú, musulmán—, todo o edificio derivado dos dereitos recollidos na Declaración de 1948 vese como un xeito de impoñer valores propios do mundo occidental. Din que na ideoloxía oriental, incluído Xapón, a nación é prioritaria ao individuo e a obediencia prima sobre a liberdade; os valores que recoñecen como propios son orde, disciplina, responsabilidade familiar, traballo duro, colectivismo, moderación: os valores confucianos que, din eles, deberían soster a civilización sen o colonialismo de Occidente. Así que a Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948, irrenunciable para Occidente, non resulta venerada por igual en todo o mundo. Hai pensadores occidentais que tamén sosteñen que universalismo vén sendo un novo colonialismo. Queda moito por andar: Desde o meu punto de vista: feliz aniversario á Declaración de Dereitos Humanos de 1948.