O Museo da Historia de Valga recibe varios audios coa voz de Carolina Otero

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

Concello de Valga

O Concello recibiu a donación de Mari Carmen Álvaro López, con antepasados na vila e lazos familiares coa bailarina da Belle Époque, e de Juan Catoira, que traballou en Radio Nacional 

27 abr 2024 . Actualizado a las 14:11 h.

O Museo da Historia de Valga vén de recibir novo material relacionado coa Bella Otero. Trátase de audios coa voz da bailarina da Belle Époque, que foron cedidos por Mari Carmen Álvaro López e Juan Catoira. Á primeira únena lazos de sangue con Carolina Otero e o segundo traballou durante anos como técnico en Radio Nacional de España. O xoves ambos estiveron no Concello, onde se reuniron co alcalde, José María Bello Maneiro, coa concelleira Carmen Gómez e cos técnicos responsables do Museo.

Nesta xuntanza, Mª Carmen Álvaro fixo entrega ao rexedor dunha memoria USB cos audios da Bella Otero, que pasarán a formar parte dos fondos do Museo. No mesmo dispositivo tamén está gravado un breve documental emitido no seu día por Radio Nacional sobre a diva e que Juan Catoira gravou en Valga, onde recolleu testemuñas da tía de Carolina e do propio alcalde. Foi precisamente para completar este programa que RNE solicitou a Radio Niza documentos de audio da Bella Otero. Son os que acaban de entregar ao Museo e nos que a artista conversa en francés.

Mª Carmen Álvaro ten escoitado falar sobre a Bella Otero dende cativa. O seu bisavó, Francisco López Otero, naceu en Valga en 1870 e era parente de Carolina. «Miña nai e meus tíos falaban dela moitas veces» e, de feito, conserva varias cartas que súa nai lle enviou ao cónsul español e a diversos medios de comunicación intentando contactar coa Bella Otero e interesándose polo seu estado «nos seus momentos de decadencia», explica. Falando sobre estas misivas con Juan Catoira foi cando este lle comentou que podía conseguir «a voz de Carolina», xa que aparecía naquel documental que el gravara en Valga anos atrás. «Grazas aos seus coñecementos, contactos e vontade conseguimos recuperar eses audios e pensei que o Museo de Valga era o lugar no que debían estar», engade Álvaro.

O alcalde agradeceulle a súa aportación, posto que permite seguir ampliando o contido do Museo da Historia, destacando a dimensión que aínda hoxe acada a figura da Bella Otero, co que iso representa para Valga.