Escaleiras

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

ALBERTO LÓPEZ

Hai unha norma do século XVII que aínda hoxe utilizamos para saber se están ben deseñadas

07 may 2024 . Actualizado a las 14:04 h.

Aquen non lle pasou que baixando unha escaleira case cae por haber un chanzo de distinto tamaño que os demais? Fallos así hainos en moitas escaleiras, incluso nas da propia Escola de Arquitectura da Coruña, onde pintaron un tipo caído no pavimento, a modo teatral e, de paso, de advertencia da súa perigosidade.

Hai unha norma do século XVII que aínda hoxe utilizamos para saber se unha escaleira está ben deseñada ou non, se é cómoda ou está mal deseñada. Creada polo polifacético Nicolas François Blondel, diplomático, militar, profesor e preceptor que no seu curso de arquitectura deixou escrita unha fórmula que nunca falla, incluso 400 anos despois.

Chámaselle Fórmula de Blondel, e dinos que para que unha escaleira sexa cómoda, a resultante de sumar dúas veces o ancho da mesa e unha vez o ancho da tabica debe coincidir con 64 centímetros (2m + t = 64). Para aclarar, a mesa é a superficie horizontal de cada chanzo, e a tabica a superficie vertical.

Tamén indica que a medida máis cómoda é a de 28 centímetros para a mesa e 18 centímetros para a tabica. O que significa que nun edificio normal de vivendas, entre os pavimentos de dous pisos saen 16 chanzos normalmente.

Aplicando a fórmula tamén resulta, sobre todo para espazos urbanos exteriores, que canto máis ancha sexa a superficie horizontal, menos alto debe ter o chanzo da escaleira, para evitar que sexa incómoda e cansada.

Pese a levar 400 anos con esta fórmula máxica, vemos que moitas escaleiras fanse imposibles de subir ou perigosas para baixar, non sei se por descoñecemento da norma ou por rutina construtiva.