«Onde vai?», o buscador web de Sogama para aclarar dúbidas sobre a xestión do lixo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

SOGAMA

ECOVOZ | É unha ferramenta de consulta deseñada e desenvolvida pola compañía pública

11 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Onde vai? é un buscador web que a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) lanzou hai algo máis dun mes para axudar aos cidadáns a resolver as súas dúbidas sobre a correcta xestión dos refugallos que se xeran a diario. É unha ferramenta de consulta deseñada e desenvolvida pola compañía pública.

Este novo instrumento permite que os veciños dos 295 concellos galegos adscritos a Sogama poidan coñecer dunha maneira práctica, rápida, intuitiva e visual onde depositar os residuos máis habituais. Este novo servizo veu a engadirse ás campañas educativas que promove esta empresa pública e mesmo tamén pola Xunta, segundo teñen informado dende Sogama. É sabido que é unha necesidade xeral separar correctamente os refugallos en orixe e introducilos no contedor correspondente. A maioría dos usuarios teñen o coñecemento desta obriga ou deberan telo. Aínda así, é posible que calquera poida ter dúbidas nun momento concreto á hora de identificar o recipiente ou o punto de destino de materiais determinados. É, precisamente, para dar resposta a estas situacións, cando esta nova ferramenta presentará unha grande utilidade.

SOGAMA

Así o di en concreto a sociedade pública: «Para dar resposta a estas cuestións, Sogama incorporou aos seus recursos didácticos e divulgativos unha nova ferramenta (www.sogama.gal/ondevai), concibida fundamentalmente para formato móbil». A través dun buscador textual, o usuario pode identificar e localizar o contedor específico ao que levar un determinado refugallo.

Este instrumento dixital inclúe información sobre 275 residuos, entre os que figuran posibles sinónimos e variantes e cada un está vinculado a un contedor. O lixo doméstico aparece dividido en 12 fraccións.