«A regueifa é unha bomba»: todos os motivos para non perder os Premios Galegos en Carballo 

Patricia Blanco, Fran Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Antonio e Suso de Xornes, nos estudios de Radio Voz
Antonio e Suso de Xornes, nos estudios de Radio Voz ANA GARCIA

Doce regueifeiros e regueifeiras, de tres provincias, acudirán ao encontro de improvisación oral previsto para este vindeiro sábado 13 de xaneiro, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo 

07 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Queda xa menos dunha semana. O vindeiro sábado 13 de xaneiro —18.00 horas, Pazo da Cultura, acceso libre e gratuíto—, Carballo volverá gañar enteiros como capital da regueifa nunha comarca, Bergantiños, que é berce desta arte de improvisación oral, a única que como tal segue aínda viva en Galicia e da que todos os que por ela traballan aprecian un rexurdir. A maiores da exhibición de varias escolas galegas, nese caso sen carácter competitivo, concorrerán á terceira edición dos Premios Galegos da Regueifa, ou EspallaRimas, un total de doce voces, regueifeiros e regueifeiras chegados de tres provincias —con destacado peso de Bergantiños— e cunha media de idade reverdecida. Hai futuro.

Suso e Antonio de Xornes, Lupe Blanco, Óscar García Pombo, Kike Estévez, O Rabelo, Sara Marchena, Antonio Reboiro, Daniel Vilas O Chaminho, Hadrián García, Alberto Liñares e Carme Fernández, estes tres últimos alumnos da Escola de Regueifa de Carballo, serán os aspirantes a un galardón que nas dúas anteriores edicións foi parar á coristanquesa Lupe Blanco, toda unha revolución no mundo da improvisación oral. «En plan de broma podo dicir que este certame é como hai trinta anos no fútbol, xogamos todos, pero sempre gaña Alemaña», riu Suso de Xornes en Radio Voz. Para el foi o segundo posto no 2023. Visitou xunto con Antonio, tamén de Xornes, os estudos carballeses, nos que ambos coincidiron en que non hai premio máis importante «ca que o público o pase ben». «Quen poida ir este día 13 ao Pazo a Carballo que vaia, pídoo por favor. Sairá feliz e con formigueo no corpo», augurou do seu lado o malpicán Óscar García Pombo. «Eu estou feliz. Conseguíronse cousas que ata hai pouco eran impensables, empezando pola Escola de Regueifa de Carballo, na que hai nenos e maiores tendendo lazos, rindo xuntos», abunda. Un centro itinerante, con matrícula aberta todo o ano.

Óscar García Pombo, de Cambre, Malpica. Reguifeiro afeccionado, transportista de profesión.
Óscar García Pombo, de Cambre, Malpica. Reguifeiro afeccionado, transportista de profesión. BASILIO BELLO

Augura Lupe Blanco, do seu lado, que estes Premios Galegos da Regueifa, organizados por La Voz de Galicia co apoio de Nauterra, a Xunta de Galicia e o Concello de Carballo, serán «a mellor festa para comezar o ano». «A regueifa é esencia. Eu atopei un filón, unha mina abandonada. Témolo aí, e sempre vai estar, agora volvémolo descubrir. A min tróuxome felicidade (...) É como a propia poesía, unha forma de ver a vida, aí deixo o titular», engade con sorna Óscar.

«Suso é o Bayern de Múnich de regueifa»

«A regueifa é unha auténtica bomba», apunta dende o sur Kike Estévez, profesor de galego en Vigo. El, que non puido estar na segunda edición, aínda ten na mente a primeira, cando lle tocou debate dialéctico con Suso de Xornes: «Suso é o Bayern de Múnich da regueifa. Unha cousa segura, pum, pum, impertérrito. Os regueifeiros de hoxe somos algo máis pallasos, subimos, baixamos, ten algo de teatro. Pero aí está Suso, con esa cara de póker que non o ves vir. Pensas ti: ‘Dios, e eu por onde collo agora isto’, é unha auténtica pasada».

Kiki Estévez e Suso de Xornes, nos Premios Galegos da Regueifa 2022
Kiki Estévez e Suso de Xornes, nos Premios Galegos da Regueifa 2022 BASILIO BELLO

Bergantiños ten fama merecida, e iso tampouco se lle escapa ao mariñeiro coruñés Daniel Vilas, O Chaminho: «Hai bravura. Que vou dicir da Costa da Morte. Co mar e co tempo que tedes, hai que curtirse, e iso reflíctese na regueifa». Non poucas lle caen a el por ser da cidade: «Soy el coru, el chorbiño de la regueifa. Eu respondo sen problema, hai que saber rirse dun mesmo». Rirse aínda que impoña subir a un escenario coma o do Pazo de Carballo, ateigado o auditorio como o estaba o ano pasado: «Acórdaste de Calviño, de Costa ou de Fermín, que cantaban diante de tanta xente. E iso é o que vives ti, sen ser a través dun vídeo», reflexiona García Pombo. O palco, considera, curte, dá unha experiencia que só se pode gañar a forza de saír, rematando unha teoría que nunca é completa se non leva práctica: «Unha parte nace, outra non».

«Estes premios son unha congregación de enerxía, de ganas, algo moi de aquí, vexo ilusión e motivación. Comecei nisto hai só catro anos, pero dende entón xa vexo máis movemento, a regueifa chama a atención, non ten idade, vai a máis, e avanza cun ritmo que é o que ten que levar, porque se ao mellor sobe moito, baixa demasiado rápido», filosofa O Chaminho.

A profecía de Calviño

Avanza asentando as bases, de aí a presenza de alumnado de primaria e secundaria de escolas, fomentando unha convivencia entre regueifeiros amadores e outros xa consolidados: «É importante que vexan que a isto se lle dá valor». Daniel asegura que a súa tarefa pendente é darlle algo mellor «á controversia»: «Cústame meterme co outro, son un bueniño». Domínano á perfección, non obstante, os bergantiñáns Suso e Antonio de Xornes, que acollen con agrado o feito de que vaia ser o xurado o que elixa ao chou o tema sobre o que regueifar, e incluso poña aos improvisadores nunha postura ou outra arredor da mesma cuestión. «Os regueifeiros pelexaban no camarín, pero logo marchaban no mesmo coche, e tomaban as cervexas xuntos», evoca Hadrián García pola súa banda. Ese espírito de festa compartida, máis alá de quen gañe, sostén este encontro en Carballo: «A sorte non é gañar, senón que a regueifa estea viva, que medre, que á xente lle guste, e que haxa lugares como Carballo, tan vizosos a nivel cultural».

Antonio de Xornes, un dos herdeiros da vella regueifa bergantiñá. Ponte entre aquela regueifa do século XX e a actual
Antonio de Xornes, un dos herdeiros da vella regueifa bergantiñá. Ponte entre aquela regueifa do século XX e a actual ANA GARCIA

Improvísase tamén en Euskadi, Canarias, Mallorca, Cataluña, Portugal, Brasil ou Cuba, e con forza. Fora un cambio de paradigma social e económico, do agrario ao urbán, levando consigo moitas tradicións, o que puxera en apuros á regueifa en Galicia, reflexiona Estévez. Por sorte en Bergantiños os herdeiros aguantaron, ata que chegaron os reforzos: «O que non sabiamos era cando ían chegar. Practicamente quedamos só os dous na provincia, ata que veu Lupe», evocan Suso e Antonio. Conta este unha predición que lle fixo un día Calviño de Tallo:

—Non te preocupes, home, non te preocupes, conforme saíches ti e máis Suso, seguramente irán saíndo máis.

E así foi. E quizais así será.

Improvisación oral con facultades ata terapéuticas

A regueifa é un baile, tamén un pan e un xénero de improvisación oral en verso, unha batalla dialéctica rimada. Hai moito dunha cousa na outra, todo conectado, era un momento capital en celebración sociais como as vodas, algo que agora se está volvendo recuperar, alomenos na zona de Bergantiños, incluso para comidas ou ceas onde este xeito de pasalo ben é de bo agrado.

Os Premios Galegos da Regueifa naceron coa intención de dar testemuña, pulo e recoñecemento a históricos regueifeiros como foron no século XX Blanco de Muíño Seco —bisavó de Lupe Blanco—, Calviño de Tallo, Celestrino, O Atrevido de Grixoa, Fermín da Feiranova, Guillermo da Rabadeira, Calviño Vello, Mandián de Xornes e tantos outros. Tamén mulleres, por máis que elas, coma en tantas outras facetas, tivesen que ficar ata hai pouco relegadas a un segundo plano. Icónicas, como as menciona o vigués Kike Estévez, Leonarda de Tallo ou Josefa de Vigo, ambas bergantiñás. Un tempo distinto, pero conectado co presente: «Pode parecer algo de antaño, pero é isto totalmente actual. A regueifa dános a capacidade de improvisar de calquera tema, de falar do que queiramos, e con picardía, meténdonos nalgún berenxenal que doutra maneira igual non o faciamos (...) Un bo método para incidir na xuventude, dicíndolle que a regueifa seguiu nas súas vidas, aínda que non fose vendo a Calviño e Celestrino. Abren Youtube e teñen as batallas de galos, iso é a regueifa de toda a vida, pero a nosa mola máis, ten máis retranca», apuntan Hadrián García e Alberto Liñares dende a Escola de Regueifa carballesa. Velaí tamén o freestyle, ou o rap.

Lupe Blanco, absoluta revolución da regueifa en Bergantiños e Galicia. Coristanquesa, é a primeira autónoma en vivir da improvisación oral
Lupe Blanco, absoluta revolución da regueifa en Bergantiños e Galicia. Coristanquesa, é a primeira autónoma en vivir da improvisación oral ANA GARCIA

«Traballar a imaxinación e a lingua, a rapidez mental... A improvisación faiche mover partes do cerebro que están aí apagadas, é bonito ver como a xente vai espertando», asegura o malpicán Óscar García Pombo sobre o que a el lle trouxo a regueifa, ademais dunha atención consciente «a como se move o fío da vida». Dío tamén Lupe Blanco: «O regueifeiro é o artista máis completo». Ser quen de meterse nos temas máis diversos, estar ao tanto da actualidade, cantar con certo aquel e encher o escenario unicamente con voz e algo de teatro, sen nada de decorado.

Daniel Vilas, O Chaminho. Mariñeiro coruñés, de 28 anos
Daniel Vilas, O Chaminho. Mariñeiro coruñés, de 28 anos BASILIO BELLO

«A improvisación a min é algo que me aleda a vida, que me conecta co presente, co que teño á vista, non penso nin en cousas do pasado nin no futuro. Conéctame co que me pasa pola cabeza, co que vexo, sinto, toco, oio e saboreo», engade O Chaminho. A regueifa é terapéutica, ten algo de mindfulness. Para Sara Marchena, a nivel educativo, «agora mesmo a ferramenta máis completa que teño». Toda unha habilidade que permite, asegura Estévez, «liberar estrés diario», «dar conta da fala, da oralidade, da capacidade expresiva». Tamén «forxar espírito crítico»: «Somos o afialapis do día a día, da actualidade».

Andrés Liñares e Hadrián García, alumnos da Escola de Regueifa de Carballo
Andrés Liñares e Hadrián García, alumnos da Escola de Regueifa de Carballo ANA GARCIA

A Escola de Carballo estréase con tres candidatos: «A regueifa é pan para a lingua»

Creada en marzo do 2023, a Escola de Regueifa de Carballo —vella aspiración e máis aínda tendo o caso de éxito da de Vigo, impulsada en colaboración coa asociación Valadares—, está a piques de cumprir o seu primeiro ano. Medra en participantes, e variados en idade. Haberá representantes no apartado de exhibición, máis tamén no de competición, da man de tres alumnos avantaxados: Hadrián García, Alberto Liñares e Carme Fernández, os tres docentes de formación e profesión. Será para eles a súa primeira participación nestes Premios Galegos que acollerá Carballo este vindeiro sábado.

«A regueifa sempre estivo aí na miña vida, en paralelo. Vía os alálás dos vellos regueifeiros, pero o meu punto de inflexión foi a aparición de Lupe Blanco. Ela amosou a regueifa máis cercana, adaptada aos tempos, foi o meu xeito persoal de entrar na improvisación», explicou Hadrián en Radio Voz. O mesmo para Liñares, ligado igualmente á música tradicional, e incluso para Carme Fernández (50 anos), natural de Porto do Son, mais docente no instituto Pedra da Aguia de A Ponte do Porto, Camariñas, este ano de permuta en Boiro: «Lupe veu dar un obradoiro ao centro, e Lupe é moita Lupe».

A regueifa é un agasallo

onte agora e doravante

antes enchíache o bandullo

hoxe apágache outras fames.

A regueifa é pan para a lingua

a regueifa é unha festa

porque fai que a xente nova

queira volver aprendela.

Estas respostas dá Fernández ao preguntarlle polo que hoxe significa a regueifa. Sumou Hadrián o seu carácter incisivo, e inclusivo, para todos, todas, xa sen distinción de sexo ou idade.

A Escola de Regueifa de Carballo é un proxecto impulsado dende o Concello a través do seu servizo de normalización lingüística. «Tivo moi boa entrada porque xa empezou mediante as asociacións. Xa había ‘o boligho’, como se soe dicir. Moita xente de asociacións puxo o seu graíño de area aportando os locais e uníndose a esta recuperación», incidiu Hadrián, ligado á Escola do Alprende de Oza, entidade que reformula a maneira de festexar a cultura popular. Ten a Escola de Regueifa a bendición dos veteranos Suso e Antonio de Xornes, que xa no seu día tiveran impartido obradoiros a escolares. Ven «madeira»: «A cuestión é que siga o tema. Unha escola de regueifa é importante porque ao que lle gusta e ten capacidade vaise desenvolvendo nela. Cando é unha escola só centrada nisto, a xente que vai é porque realmente lle gusta e quere», valoraron ambos.

O Rabelo, nunha das súas intervencións o pasado 2023
O Rabelo, nunha das súas intervencións o pasado 2023 BASILIO BELLO

A metade dos participantes nos Premios non superan os 31 anos: «Hai futuro e ganas de seguir», din

Dos 12 participantes nos terceiros Premios Galegos da Regueifa que acollerá Carballo, seis deles non superan os 31 anos. Son estes precisamente os que ten O Rabelo, que chegará dende Cercedo, Terra de Montes. Para el será o seu segundo encontro: «Foron moi divertidas as probas do ano pasado», asegura. Daquela tiña un disco xa rúa e agora son dous. Tradi e rap son os ámbitos nos que máis cómodo se move, aínda que tamén lle dá ás batallas de galos e ao hip hop, ramas todas elas nas que, está «totalmente convencido», hai tamén regueifa: «Táboas. Se non hai diversión, pique, xogo, todo o resto para min non ten sentido. O Rabelo é moito disto», explica. Bota en falta poder practicalo máis en xuntanzas e mesmo fai un chamamento a O Son do Camiño para que no seu escenario introduza tradición oral. Á hora de escribir coplas, a este regueifeiro inspírao «aquilo que non se conta».

Sara Marchena, de Vigo, docente de profesión. Membro do colectivo Erre que Erre
Sara Marchena, de Vigo, docente de profesión. Membro do colectivo Erre que Erre BASILIO BELLO

Ambos con 28 anos, Hadrián García e Alberto Liñares, da Escola de Regueifa carballesa, serán outros dos mozos do vindeiro sábado no Pazo de Carballo. Xusto a mesma idade de O Chaminho. E de Sara Marchena e Antonio Reboiro, ela de Vigo e el da Proba do Brollón, os dous docentes, el de inglés, ambos ligados ao colectivo Erre que Erre Regueifa, bastante recente: «Dedicámonos a dar obradoiros e facer difusión da regueifa e do brindo. Logo de anos metidos nisto decidimos que mellor traballar xuntos que por separado, facendo máis forza». Xa non quedan brindeiros na Pobra do Brollón, pero si hai hoxe un alento de recuperación: «É coma a regueifa, pero con outra clase de ironía, máis fina», ri Reboiro. «Á rapazada gústalle, engánchalle improvisar. Hai futuro e ganas de seguir», incide Marchena. «Descubrín isto non hai moito, pero encántame e estou metido ao 100 %», advirte Reboiro.

cANDO E ONDE

Sábado 13 de xaneiro. Ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo. Acceso gratuíto.

QUEN PARTICIPA NO CONCURSO

Lupe Blanco, Suso e Antonio de Xornes, Óscar García, Hadrián García, Alberto Liñares, Carme Fernández, Kike Estévez, O Rabelo, O Chaminho, Sara Marchena e Antonio Reboiro.