Fran Gómez Pallas: «Móvense 5.000 persoas cada día e o campamento queda impecable»

Antón Lestón Lago
a. lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

Ecovoz | O piloto carballés fala da súa participación no último Dakar

08 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Fran Gómez Pallas aínda se recupera das lesións que sufriu no último día do Dakar o pasado mes de xaneiro. Foi a súa oitava experiencia no raid máis duro do mundo, aínda que esta vez quixo estrear a nova categoría sostible cunha moto eléctrica.

—Cando se decidiu polo motor eléctrico?

—Dende o meu anterior Dakar, no 2018 en Suramérica. Quería facer algo enfocado ao medio ambiente. Ao principio era reacio á moto eléctrica, pero comezamos a testear parámetros de autonomía e terreos e vimos que era posible. A partir de aí había que convencer a patrocinadores. Pero moi contentos porque, ademais, nós non levamos motor de combustión adicional para cargar as baterías. Foi unha experiencia na que a sostibilidade ocupou unha parte moi importante.

—A organización preocúpase moito polo coidado do medio?

—Si, pero xa a propia xente o fai. Cada día, móvense unhas 5.000 persoas de campamento a campamento e todos quedan impecables, sen ningún tipo de lixo. De todas formas, habería multas se non fose así, e se houbese restos de aceite, tamén.

—Irán crecendo estas carreiras ou categorías eléctricas?

—Seguro, iso tamén lle preocupa á organización. Cada ano vai ir participando máis xente e van aparecer máis categorías, tanto de motos como coches ou camións. Ou totalmente eléctricos ou incluso con depósitos de hidróxeno.