«Percebeiro», «anicamento» e «teito de cristal» entran no dicionario da Real Academia Galega 

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Víctor, percebeiro nas rochas da torre de Hércules, nunha imaxe de arquivo
Víctor, percebeiro nas rochas da torre de Hércules, nunha imaxe de arquivo CESAR QUIAN

O seminario de lexicografía engadiu corenta novas voces canda novas acepcións ou melloras na redacción doutros vinte lemas

19 abr 2024 . Actualizado a las 12:15 h.

«Agachamento» e «anicamento», «teito de cristal», «cultura da cancelación», «escaleta» ou «esgrafiado,-a» son algunhas das corenta novas entradas  incorporadas ao Dicionario da Real Academia Galega (RAG). O Seminario de Lexicografía engadiu na última actualización a esta ferramenta fundamental da lingua galega corenta voces canda novas acepcións ou melloras na redacción doutros vinte lemas.

«Agachamento» e «anicamento», as palabras referidas ao exercicio físico que consiste en flexionar e estender as pernas coa columna vertebral recta, entran canda outros termos do mundo do deporte como «haltere», que designa a tamén chamada barra de discos, ou «vólei», que aparece xa no Dicionario como sinónimo das formas voleibol e balonvolea.

Incorpóranse tamén ao Dicionario voces de tecnolectos de crecente uso na lingua común como «escaleta», o guión detallado que reflicte os contidos e a súa duración dentro dun programa, así como a súa forma de presentación; ou «esgrafiado», que denomina a técnica decorativa consistente en facer incisións cun estilete nunha capa superficial especialmente preparada, deixando á vista a cor da capa inferior, así como o elemento decorativo feito desta maneira.

O «birimbao» ou trompa galega, o instrumento musical de metal que consiste nunha lámina vibratoria (a palleta) fixada a un marco en forma de ferradura, figura tamén entre as últimas incorporacións canda outras voces que completan familias de palabras de uso común como «percebeiro» ou «elitismo» a partir de sufixos habituais no idioma. 

No apartado de frases e expresións, no lema teito agrégase a locución substantiva «teito de cristal», que identifica a barreira invisible de tipo social, cultural ou económico, que impide a unha persoa ou a unha minoría o acceso a postos de relevancia dunha organización; e a de «cultura da cancelación», o fenómeno consistente na retirada de apoio moral, financeiro, dixital ou social a persoas ou organizacións como consecuencia de comentarios ou accións realizados por estas.

Outros términos que contan con actualización son «autismo», «autista» e varios xentilicios como «aragonés» ou «aranés», entre outros; ademáis de novas entradas como «climatólogo», «ecólogo», «fariñada», «guepardo», «hipermercado», mázcara», «obstetra», «otorrino» ou «puxador», entre outros.