O espello roto da política

Eva R. Argiz

CHANTADA

27 abr 2024 . Actualizado a las 19:25 h.

política nacional era o espello onde mirarse para concelleiros de pequenas e grandes localidades. O nivel das Cortes Xerais era alto, non só polo currículo de José María Maravall, ou polas grosas lentes de Peces-Barba; senón sobre todo polo tesón, a oratoria e, especialmente, a capacidade de cambio e avance apoiada na escoita.

Icónica é a imaxe de Adolfo Suárez en 1986 no Congreso, escoitando o debate sobre a OTAN cos brazos cruzados sobre o respaldo dunha cadeira e a cabeza apoiada neles, como buscando non gastar ningunha enerxía máis aló que a que precisaba o cerebro para a atención. Nel pesaba o seu pasado falanxista, pero foi quen de pór e pórse a traballar nunha Constitución con todos os grupos das Cortes. Santiago Carrillo foi outra desas figuras da Transición, un cambio de sistema total despois dunha guerra e unha ditadura. Se en Adolfo Súarez pesaba o seu pasado falanxista, en Carrillo aparecía a mancha da súa posible vinculación coa matanza de Paracuellos na Guerra Civil. Porén, ata a súa morte defendeu o espírito de consenso que permitiu chegar á democracia.

Pensar que a situación política de hoxe é máis complexa que en 1975 non fai xustiza á historia. Non precisamos que todas as cadeiras das Cortes estean ocupadas por discípulos de Emilio Castelar, que enchía a tribuna do Congreso de público para escoitalo no século XIX. Non precisamos grandes elocuencias nin 15 segundos con potencial para convertérense en tuitazos, pero si manter a educación e a capacidade de escoitar, o talante, o diálogo e o consenso.

O enfrontamento político debe cinguirse á política. A froita e a familia, para as comidas dos domingos. O espectáculo dantesco da polarización supón riscos que escapan das paredes do Congreso.

A enfermidade política a nivel nacional pode contaxiar, e xa contaxia, pequenos e grandes concellos. Se no Congreso acudimos a zascas que xa meten ás familias nos «e ti máis» da corrupción, chegan agora aos plenos de pouco máis de 10 representantes os zascas adaptados a esa magnitude. Cunha diferenza, nos concellos pequenos somos veciños, ademais de políticos.

Plenos de concellos como Chantada tiveron momentos mellores e peores, pero a fronteira do persoal semellaba infranqueable. Esa liña corre o risco agora de desdebuxarse, sen que ninguén pare a pensar se queremos que esa liña desapareza. Precisemos parar e reflexionar.

Mal espello onde mirarse o que está roto da política nacional. Perigoso contaxio o da baixeza política, pero tamén moral.