Eólica maldita

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

César Toimil

04 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro choque entre un navío e un xerador eólico mariño, acontecido en augas alemás, veuse sumar ás alarmas que acenden as mentes no Impaís benamado. Cheira a Terceira Guerra Irmandiña contra unha «eólica maldita» que poida dar cabo dun oficio histórico e as súas industrias de apoio. Doutra banda, a enerxía eléctrica limpa é imprescindible. Enfróntanse dous vectores principais das sociedades: comida e enerxía.

Mais todo sería posible se houbera vontade de acordo: os parques eólicos mariños son fonte de traballo e riqueza, impulsores de ciencias aplicadas e desenvolvemento tecnolóxico. Vai renunciar Galicia a un recurso polo que é rexión privilexiada no mundo? Non debería. Con todo, o sentidiño manda, cómpre levar os estudos de impactos deses parques ata o mínimo detalle; e velaí o que suxire o accidente en Alemaña: fallaron os sistemas de radiocomunicación, radiolocalización e telealarma? Os xeradores eólicos e as súas plataformas afectan a propagación dos sinais radioeléctricos. Por tanto, requiren estudo e normativa. E aínda fica por investigar os efectos dos campos magnéticos que puideran escapar dos cabos de evacuación de enerxía desde os parques a terra. Seica os animais mariños son especialmente sensibles ao magnetismo.