Crise permanente

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Sáshenka Gutiérrez | EFE

06 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana lía unha entrevista ao profesor universitario e experto en márketing José Luis Nueno, na que reflexionaba sobre o feito de que «os mozos non viviron un momento sen crise en toda a súa vida», e na que mencionaba a palabra ‘‘permacrise’’.

Entón lembrei que no 2022, o dicionario Collins da lingua inglesa, escolléraa coma palabra do ano. “permacrisis”, en inglés, definida coma un «período prolongado de inseguridade e inestabilidade». E aínda que a entrevista de Nueno estaba relacionada cos mercados, o consumo e a economía, esa frase que pronunciaba inspirou en min unha reflexión sobre o que significa vivir en crise permanente, e sobre o diferente que é o significado da palabra crise dependendo das circunstancias e o lugar do mundo no que unha se atope.

Pensei na ‘‘permacrise’’, ou crise permanente, na que tiveron que vivir os da xeración dos meus pais, os que naceron sen nada na Galicia dos anos trinta. Tamén pensei nos que marcharon á emigración e quedaron alí, sen saber que acabarían vivindo outra crise permanente, coma a de Arxentina ou Venezuela. Pensei tamén nos cidadáns de Libia, ou Senegal, ou Siria, ou Afganistán, que aínda sabendo que poden morrer no camiño (ou desaparecer para sempre), deciden escapar das súas dramáticas crises particulares para poder sobrevivir, e se teñen sorte, rematar na ‘‘permacrise’’ na que se atopan os refuxiados en Europa. A definición completa é «período prolongado de inseguridade e inestabilidade resultante dunha serie de eventos catastróficos». Unha non deixa de pensar que a historia da humanidade é tamén a da ‘‘permacrise’’. E que cada país, coas súas circunstancias, fai o que pode para escapar dela.