Ímolo vixiar, presidente

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Kike Rincón | EUROPAPRESS

02 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

E vostede quedou. Cando todos aseguraban que, chegado a este punto, a única saída era a porta... deulles con ela nos fociños.

En navegación aérea, o punto de non retorno está relacionado co combustible. O consumo do mesmo fai que a nave non poida volver a orixe e teña que buscar un novo destino. Claramente, aplicou o concepto ao gasto da paciencia. No discurso, e na actitude, boto de menos a autocrítica. O uso do plural cando asegura que se «consentimos» que as mentiras dirixan o debate político, se «obrigamos» ás vítimas a demostrar a inocencia, se «permitimos» relegar o papel da muller... non paga a pena, tamén o inclúe a vostede. É o presidente o representante máximo dese «circo político» que tanto o fixo reflexionar. Sería bo escoitarlle unha desculpa por ter contribuído tamén á crispación política. Pero nin o máis mínimo achegamento a ela. Oxalá sexa o comezo dunha nova etapa, máis respectuosa, educada, con maior diálogo. Desterremos dunha vez por todas o «e ti máis». Creo que, se hai boas propostas, non terían que preocuparse do mal que o fan os outros, pois terían a solución na man. Diso, seica, vai a política.

Para que saia ben, hai que comezar pola propia casa. Limpala. E logo xa podemos mirar o lixo dos demais. Sen emporcallar. Ímolo vixiar con lupa. Porque se non quere que se lle faga dano á democracia enlamándoa, debe ser o primeiro en comportarse de maneira limpa, propoñendo un modelo. Ímolo vixiar, señor presidente.