Pamplona

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

XOANN A. SOLER

02 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Vaia semana nos deu o Juan Ramón do estanco. Marchou o Mariló para Pamplona e o Fidel's parecía un velatorio. Eu, ao principio, non lle dei importancia. Imaxinei que pronto pasaría a tristeza do meu amigo. Non foi así. O sinal de alarma vino claro o pasado luns. Eu estaba na barra tomando unha caña. Chegou o Juan Ramón. Dixo: «Alberto (o barman), ponme unha bebida isotónica». O Alberto, ao que tamén chamamos Bubú, mirouno de esguello. Deu un paso atrás. Contestoulle: «Estás de coña, non?». Pero non estaba. Insistiu que quería unha bebida isotónica, refrescante, que lle levantase a moral «nestes días de tedio» (literalmente). Quixen comentar a situación política. Pero non entraba ao trapo. De fútbol, nin falar. Pregunteille pola saúde. E nada. Non deu palabra ata as dez da noite. Isotónica a isotónica foron pasando as horas. Falei co Bernardo e co Ochoa. Habería que facer algo. Darlle un tratamento, proporcionarlle o abrigo da amizade en momentos tan dificultosos. De común acordo concluímos que o mellor era non deixalo só. Nin a carta de Sánchez foi quen de conmovelo. Mesmo máis, asegurou que non a lera e que non tiña interese ningún. Intentei provocalo tocando os asuntos que non soporta (os meus artigos políticos dos luns, por exemplo). Non acadei éxito. O Bernardo comentou de facer unha cea e que fora el quen escollera o menú. Sen imposicións. Auga. Así día tras día. Onte mesmo, con outra bebida isotónica, tiña a mirada perdida no firmamento. «Juan, non podes seguir así», berrou o Bernardo. El moveu lentamente os ollos para observalo e seguiu isotónicamente meditando. Levantouse da cadeira. Marchou. Na distancia xirou a cabeza. Díxonos, simplemente: «Pamplona».