Seguridade na atención médica

Servando López Álvarez DECOTÍO

OPINIÓN

OSCAR CELA

02 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A atención médica é un proceso asistencial multidisciplinar, que implica profesionais sanitarios e non sanitarios. O aforismo clásico primum non nocere está presente en cada acto asistencial. Os profesionais interactuamos cos pacientes e atendémolos nunha estrutura física, cuns medios e dentro dunha organización. De acordo coa OMS, un 10 % dos pacientes ingresados, un 20 % dos pacientes cirúrxicos e un 34 % dos ingresados en unidades de críticos sofren danos durante o seu ingreso; e, de todos estes, un 50 % dos casos considéranse danos evitables.

Se asumimos que a saúde non é só a ausencia de enfermidade (en base á definición da OMS, «saúde é un estado de completo benestar físico, psíquico e social e non só a ausencia de enfermidade»), tamén debemos admitir que a seguridade non é so a ausencia de riscos, porque o risco cero non existe. Os actos desempeñados polos homes e mulleres anestesiólogos son moi seguros en mans de profesionais coa adecuada formación. Somos un colectivo moi comprometido historicamente coa seguridade, a través da participación en sociedades como a Anesthesia Patient Safety Foundation (1985), a realización de actividades de simulación clínica avanzada ou a implementación de listas de chequeo inspiradas noutras organizacións de alto risco pero elevada confiabilidade, como por exemplo os pilotos de avións.

O coñecido dito de errare humanun est foi o impulso necesario para que as autoridades sanitarias tomaran conciencia da importancia de promover unha cultura da seguridade como compoñente esencial da calidade asistencial. Unha estrutura sanitaria e asistencial robusta debe ser quen de cuantificar os erros cometidos, analizalos e aprender deles. Practicar unha atención libre de danos evitables constitúe un obxectivo irrenunciable, que necesita dunha combinación de estratexias a todos os niveis.

A cultura de seguridade non é outra cousa que unha crenza compartida nun sistema de saúde que promova a análise dos eventos adversos identificados e fomente a motivación dos seus traballadores, sempre cunha actitude positiva e proactiva. Todo isto é moi importante para evitar ou minimizar os danos derivados da asistencia sanitaria.

Os cambios na atención, con toda a complexidade asociada á utilización das novas tecnoloxías, obrígannos a vencer inercias existentes e mellorar a cultura de seguridade dos equipos para construír un entorno seguro. Debemos entender que as reticencias ou rexeitamento ás propostas de mellora non son unha derrota, senón unha fonte de novas oportunidades que debemos saber aproveitar para mellorar.

O camiño é construír un entorno común de seguridade a través de sinerxías e historias compartidas entre institucións sanitarias, profesionais e doentes. Indo sós corremos o risco de nos sentir espidos coma as pólas das árbores en pleno inverno. Temos moito que achegar no campo da seguridade.