Desde a Operación Quilo, unhas palabras de agradecemento

Xulio César Iglesias TRIBUNA ABERTA

OURENSE

Unha das propostas da campaña de Amencer é a de peso por quilos
Unha das propostas da campaña de Amencer é a de peso por quilos MIGUEL VILLAR

Amencer colabora con 18 Cáritas parroquiais de Ourense

25 dic 2022 . Actualizado a las 17:56 h.

Neste tempo de grande crise económica, promover unha iniciativa como a XXXVI Operación Quilo fainos crecer en solidariedade quilaborando para axudar a quen máis o precisan.

Repartido todo o recadado ata o 23 de decembro, só nos queda agradecervos a todas e cada unha das persoas que participastes nesta edición a vosa xenerosa e desinteresada quilaboración. Grazas a vós e ós 419 mozos e mozas e 813 adultos implicados directamente na Operación Quilo, os 9.768 kilos de alimentos, 6.200 de xoguetes, 9.200 de roupa e 9.485 euros cos que se compraron alimentos, puidéronse repartir entre as 3.408 persoas ás que se axuda desde as 18 Cáritas parroquiais coas que se colaborou neste Nadal 2022.

Queremos achegarvos desde aquí o noso agradecemento ás Cáritas parroquiais, porque acompañades durante todo o ano persoas para quen nós facemos chegar o extra de alimentos e xoguetes no Nadal. Grazas a quen doastes o voso peso en quilos, a quen nos permitistes colocar carros para a recollida nos supermercados e a quen deixastes alimentos neles, a quen doastes xoguetes, diñeiro e roupa depositándoos nos diferentes puntos de recollida espallados pola cidade. Grazas ás entidades, clubs, asociacións deportivas, salóns de peiteado, cafeterías, farmacias, negocios, empresas e establecementos que quilaborades con nós desde a múltiples propostas e iniciativas. Grazas a La Voz de Galicia e aos outros medios de comunicación que fostes transmisores da campaña e con iso facedes visible a solidariedade das ourensás e ourensáns e tamén a cara máis solidaria e participativa da mocidade. Grazas ás familias que nos apoiades e confiades en nós para educar ás vosas fillas e fillos na sensibilidade, no compromiso e na solidariedade, porque elas e eles serán as persoas adultas solidarias e comprometidas de mañá. Grazas a quen dedicastes o voso tempo a quilaborar de calquera das formas (na recollida e colocación de alimentos, preparando xoguetes, indo a establecementos e empresas, difundindo a información desde o boca a boca ou a través das redes sociais...). E grazas tamén a quen cada ano dedicades tempo, esforzo, ilusión e compromiso no deseño, desenvolvemento, seguimento e peche da campaña… A todas e todos, GRAZAS!

Contigo, con vós, abrimos camiños facendo Nadal desde 1987.

Bo Nadal e próspero 2023!

Xulio César Iglesias é o director de Amencer