A escritora ourensá Elena Gallego narra a historia persoal da súa nai durante a posguerra no seu novo libro

OURENSE

La escritora Elena Gallego y la profesora de la universidad Isabel Mociño
La escritora Elena Gallego y la profesora de la universidad Isabel Mociño Cedida

A xornalista presentou a novela «O legado da nena do sal» na libraría Eixo

04 may 2024 . Actualizado a las 17:03 h.

A xornalista e escritora ourensá Elena Gallego presentou este xoves na libraría Eixo a súa última novela. Fíxoo acompañada pola profesora da Universidade de Vigo, Isabel Mociño, e fronte a un grupo de seguidores da súa obra. Coñecida pola exitosa saga de novelas xuvenís protagonizadas polo dragón Dragal, Gallego chega agora cunha longa novela na que recolle a vida da súa nai. O legado da nena do sal representa un importante cambio de rexistro na escrita da ourensá, que nesta ocasión se aproxima ao biográfico.

Tal e como explicou a súa autora na presentación, O legado da nena do sal é unha historia real que tiña pendente de escribir e que foi demorando no tempo. Na novela Elena convértese en Inés e fala do seu bisavó, da súa avoa e da súa nai, que lle deixou uns cadernos manuscritos cos que puido iniciar o libro. Para completar os baleiros que lle ían xurdindo, a escritora visitou os lugares onde vivira a súa nai e entrevistou a algunhas das persoas que a coñeceran.

Edicións Xerais publicou o resultado, un relato duro da posguerra española que transcorre no municipio de Viveiro e que lle permitiu a Elena coñecer mellor a vida da súa nai e descubrir as enormes dificultades que sufriu para saír adiante e poder estudar tras quedar orfa. Na novela recréase con sumo detalle o retrato histórico, emocional e social dun país deprimido, marcado polas diferenzas sociais de clase e polas inxustizas.