Iván Pérez, o enfermeiro que é Míster Ourense: «Sempre digo que se a alguén lle gusto así, tamén lle terei que gustar gordo»

María Doallo Freire
MARÍA DOALLO OURENSE

YES

Iván Pérez es Míster Ourense
Iván Pérez es Míster Ourense Miguel Villar

Cando chegou aos 127 quilos, Iván Pérez decidiu comezar a coidarse; seis anos despois e con corenta quilos menos, este enfermeiro de Castro Caldelas é Míster Ourense

29 mar 2024 . Actualizado a las 13:50 h.

 di que é un neno de aldea. Aínda que naceu en Ourense en 1993, criouse en Castro Caldelas. De alí marchou para estudar un ciclo de laboratorio na cidade. Ao rematar, meteuse en Enfermería en Chaves (Portugal). Cando cursaba esta segunda formación, con 25 anos, chegou a pesar 127 quilos. Agora, con 45 menos, é Míster Ourense e competirá no certame nacional, que terá lugar en setembro en Tenerife, para converterse no home máis guapo de España.

—Por que empezaches a coidarte?

—A modelaxe non era unha ilusión que eu tivese acentuada, senón que fun atopándoa polo camiño. Para min, isto é o reflexo de que querer é poder. Sempre me gustou comer, pero comía mal, e a verdade é que cando estudaba a carreira comecei a subir de peso ata que un día me dei de conta de que non podía vestir coma quería porque na roupa que me encantaba non tiña talle. Sufocábame ao camiñar e estaba canso. Subinme á báscula e pesaba case 130 quilos. Cando vin iso, decidinme a cambiar de vida.

—Agora pesas 45 quilos menos. Como lograches ese cambio e que supuxo na túa vida, no día a día?

—Foi unha cuestión de saúde e tomeino con calma. Empecei a cambiar os meus hábitos, a coidar a miña alimentación, deixando o azucre e o alcohol a un lado, e tamén a facer deporte. Antes tomaba moitísimas coca-colas, patacas fritas e larpeiradas. Tiven recaídas, volvín engordar un pouquiño, pero continuei porque son unha persoa que, cando se fixa unha meta, dáo todo. Levo un ano cun adestrador persoal e non podo estar máis motivado. Iso é o que quero transmitirlle á xente, que non hai obxectivos imposibles cando están nas nosas mans, e que, se eu puiden, os demais tamén poden.

—Como te metiches no mundo da beleza?

—Hai tres anos chamáronme para participar nun concurso de beleza e aí comecei a enfocarme neste sector. Eu sempre me fixara nos modelos e sempre me gustou a moda, pero a curiosidade por desfilar nunha pasarela ou posar xurdiu a raíz de que alguén viu en min posibilidades. Fun coma Míster Global Ourense ao certame nacional, que se celebrou en Tenerife. Quedei entre os quince mellores grazas á votación popular e para min significou moitísimo porque sentín o agarimo da xente. Ao ano seguinte, gañei o concurso de Modelo Imagen de Galicia e entón comecei a enfocarme profesionalmente nisto tamén. Hai uns meses ofrecéronme ser Míster Internacional Ourense e aceptei sen dubidalo.

—É difícil prepararse para un certame deste recoñecemento a nivel nacional?

—Custa. Eu coido o que como e o que bebo cada día, fago adestramento tamén a diario e non bebo nin unha copa de viño, nin tan sequera do que cultiva o meu avó na Ribeira Sacra. Ser modelo esixe ser moi disciplinado e constante. Por suposto, hai momentos de baixón, porque os avances vense moi pouquiño a pouco, pero non queda outra que motivarse e seguir.

—Como é compaxinalo coa túa vida social?

—A verdade é que o levo moi ben e sinto que teño unha vida normal. Saio de festa cos meus amigos a augas e non teño problema ningún. Gústame moitísimo bailar, enredar coa xente e sigo facendo o mesmo que antes. Tamén me adapto á hora de ir xantar ou cear por aí. Pido pratos que me entran na dieta. Incluso a miña familia, sendo de pobo e estando acostumados ás elaboracións de pota e ás racións abundantes, me apoia dende o día que comecei a coidarme. Involucráronse comigo e fan dieta tamén. Estou feliz de que sexa así, pero a verdade é que son de ideas claras, e cando sei o que quero, dáme igual o que fagan ou digan os demais. Sei que non quero volver a engordar e iso implica que me adaptarei como faga falta para conseguilo.

—Que pensaron os teus cando lles dixeches que querías ser modelo?

—Penso que no norte de España aínda non é algo tan común o de prepararse para ser miss ou míster. Ao principio, sorprendéronse e vírono como algo estraño, pero logo xenial. Son a miña familia e os meus amigos e cando se deron conta da ilusión e a implicación que teño, apoiáronme en todo. Miña nai ata se fixo conta de Instagram para poder votarme en certames.

Míster Ourense trabaja como enfermero en un centro privado
Míster Ourense trabaja como enfermero en un centro privado Miguel Villar

—Ti non só es modelo, tamén enfermeiro. Como os compaxinas?

—Traballo no quirófano do centro privado El Carmen, aquí en Ourense, e a verdade é que me encanta o meu día a día. Gústame moitísimo ser enfermeiro, axudar aos demais, coidar... E, por outra banda, tamén me coido a min todo o que podo para mellorar cada vez máis e seguir no camiño como modelo.

—Que pensan os teus pacientes cando saben que os está atendendo Míster Ourense?

—Quedan supersorprendidos, pero sempre lles fai moita graza e presumen despois cos seus familiares. Eu podo estar perfectamente coas vacas no campo, desfilando nunha pasarela ou axudando en quirófano. E as tres son cousas que me encantan.

—A idea xeral dos certames de beleza é que son iniciativas nas que prima exclusivamente a estética e a imaxe exterior. Cres que agora se aposta máis por outro perfil?

—Antes si que era así, pero agora xa non hai esa superficialidade. No meu caso, fago isto coa intención de transmitir unha mensaxe, que é que hai que loitar polo que un cre. Para min o máis importante é ser unha boa persoa, máis alá dunha cara bonita.

—Algunha vez enfrontácheste con prexuízos por ser modelo?

—Sobre todo, xulgan a miña personalidade. Dinme que de primeiras, véndome en fotos, parezo serio ou borde. E a verdade é que son todo o contrario. Encántame falar con todo mundo, ser cariñoso e achegado.

—E por ser gordo?

—As cousas cambian. Si que vexo que hai máis xente que se interesa por min, mesmo á hora de ligar ou de conectar cos demais. Pero eu sempre digo que se a alguén lle gusto así, tamén lle terei que gustar con máis peso. Se non, non é amor. Ninguén sabe como vai estar co paso do tempo...

—Que tal che vai no amor?

—Aí vai. Penso que unha relación é algo moi importante na vida e tómoo moi en serio. Nunca tiven parella polo de agora.

—Como é a túa relación co medio rural?

—Moi grande. Eu son de Castro Caldelas e encántame estar alí. De feito, nun principio eu non quería estudar, quería facerme cargo da gandería da miña familia, pero pouco a pouco funme enganchando ao mundo sanitario. Subo ao pobo todo o que podo porque son unha persoa moi familiar e gozo moitísimo de pasar tempo cos meus avós. Para min, o campo é desconectar.

—Que fas no pouco tempo libre que che queda?

—Encántame bailar, son moi orquestreiro, e non me importa facer quilómetros para ir ver unha boa orquestra. Tamén me gusta viaxar. Empecei a facelo só cando me puxen a adelgazar e é algo que desfruto moito. Gústame ir cos meus amigos, claro, pero non teño problema en facelo só. Fun a Londres, a Bélxica, a Turquía... E gustaríame moitísimo facer un safari.

—A que che gustaría aspirar dentro do mundo da moda?

—Gustaríame ser modelo para unha marca de roupa de alta costura e tamén facer editoriais de revistas, crecer nista área e ao mesmo tempo seguir podendo compaxinalo coa enfermería.