Antonio Rodríguez Troitiño: «Nunca me chamou a atención ser piloto»

DEPORTES

Ve máis difícil dirixir a federación de automobilismo que organizar o Rali do Cocido

06 may 2024 . Actualizado a las 11:41 h.

Antonio Rodríguez Troitiño (Lalín, 1969) nunca fantasiou con ser campión. Prefería fedellar nos coches, comprender o seu funcionamento e sacarlle o máximo partido a través da mecánica. Un amor polo motor que o levou a poñer en marcha alá polo ano 1996 unha nova proba no corazón de Galicia, o Rali do Cocido, que se converteu nunha das máis importantes do calendario galego e nacional. Pero o salto máis importante da súa carreira deuno hai pouco máis dun ano, cando foi elixido presidente da Federación Galega de Automobilismo (FGA).

—De onde lle ven a súa paixón polo automobilismo?

—Dende moi pequeno sempre me chamaron a atención todos os deportes de motor. Na miña familia non había tradición, pero penso que é algo co que se nace. Recordo ser adolescente e ir ás probas de karting que se celebraban na comarca e arredores e tamén ir ver a Subida a Chantada.

—Teríalle gustado facer carreira como piloto de ralis ou como copiloto?

—Nunca me chamou a atención ser piloto. Fixen algún pinito nalgún eslalon e tamén coma copiloto, pero a verdade é que nunca foi a miña meta dentro do mundo do motor.

—Cando foi a primeira vez que se puxo ao volante?

—Con 14 anos saín pola aldea co coche da casa, un Seat 127. Eu daquelas xa estaba a estudar unha FP no IES Laxeiro de Lalín e o resultado foi que o coche rematou desmontado nas aulas para estar un tempo e xa nunca máis volveu a casa.

—De 1996 ao 2021 dirixiu a escudería Lalín-Deza e botou andar o Rali do Cocido. ¿Como prendeu a creación dese rali?

—De forma totalmente altruísta. A primeira idea era crear unha feira do motor en Lalín con varios eventos relacionados ao seu redor, que rematou por converterse no que é agora, un referente a nivel autonómico e que saíu adiante inicialmente co apoio do alcalde José Crespo.

—Bota de menos esa etapa?

—Agora mesmo non. Foi unha época fermosa e que me deu moitas cousas, pero considero que todo ten un tempo na vida e que ten que entrar xente nova nos proxectos para mantelos con vida. Quédame a satisfacción de comezar cunha proba dende cero e rematar a miña andaina á fronte da escudería coa satisfacción de levar a proba ao Campionato de España e organizar varias edicións do Fórmula Rally con algúns dos mellores pilotos do mundo.

—Esperaba que tivese o éxito de que goza hoxe en día a proba?

—Evidentemente cando comezamos o obxectivo foi sacar a proba, pero ano tras ano iamos marcándonos novas metas que acadar e penso que o logramos con moita ilusión e a axuda de moita xente.

—Algunha outra disciplina automobilística que lle apaixone?

—A fórmula 1, especialmente. Penso que a nivel técnico é un deporte que vai moitos pasos por diante. Persoalmente, e como presidente, sería unha ilusión ter un circuíto de velocidade en Galicia, pero sabemos do complexo deste proxecto.

—Qué é máis difícil, presidir a FGA ou organizar un rali?

—Presidir a FGA, sen lugar a dúbidas. Un rali ten moita complexidade, especialmente ao principio, pero na federación é preciso ter unha capacidade de negociación e entendemento moi grande polo tamaño da mesma e os distintos intereses que hai dentro do propio ente.

—É máis duro do que esperaba?

—Si. O certo é que no momento que comecei esta andadura cos meus colaboradores xamais pensamos que fora ser desta forma. Ten partes positivas coma a procura de novos talentos mediante as becas, a FP dual ou a creación de novas probas, pero o primeiro ano foi tremendamente complicado e iso dificultou lanzar novos proxectos que aínda sacaremos adiante.

—Que lo motivou a dar o paso á presidencia da FGA?

—Cremos que despois de case 40 anos cun mesmo presidente facía falta un cambio. Sempre é preciso sangue novo e ideas diferentes para que os proxectos, neste caso a FGA, sigan medrando como fixeron en anos anteriores.

—En que momento se atopa o automobilismo galego?

—Penso que actualmente o automobilismo galego está nun momento excelente. É certo que o deporte do automobilismo sempre foi importante en Galicia, pero tamén que dende a nosa chegada traballamos en mellorar a seguridade, captar novos patrocinadores e potenciar outras modalidades. Tamén en abaratar certos custos para organizadores e federados, xa que somos conscientes de que é un deporte que esixe moito esforzo para poder practicalo.

En corto

—Que afeccións ten fóra do deporte?

—Os deportes en xeral, viaxar e a música.

—A que deportistas admira?

—Rafael Nadal, en xeral; e, se falamos de automobilismo, a Fernando Alonso.

—De neno con que profesión soñaba?

—Sempre quixen ser mecánico, de feito foi o que estudei.

—Gústalle cociñar, algunha especialidade favorita?

—Encántame cociñar, si. Gozo cunha boa churrascada entre amigos e familiares.

—Series ou películas, algunha en concreto?

—Películas. Gústanme as de humor, calquera de Eddie Murphy.

—Un plan de tarde para os seus días libres?

—Gústame moito o campo. Pasear polo rural axúdame a desconectar.

—Escolla un lugar no que perderse.

—A aldea de Grobas, na Serra do Candán.

—Unha lembranza de infancia imborrable que o marcase.

—Unha vez que lle escapei ao meu avó con 5 anos. Daquelas había que axudar na casa e non me gustou a tarefa, así que decidín marchar sen avisar á casa dos meus pais que estaba a tres quilómetros.

—Qué música soe escoitar?

—Gústame toda en xeral, pero, se teño que escoller, quedo coa música española dos 80.

—Cal é o seu maior defecto?

—Se cadra son un pouco impulsivo nas reaccións.

—Ten algún soño por cumprir?

—Agora mesmo son feliz, non teño ningún soño por cumprir. Son feliz co que teño.