Benditas bicis

María Guntín
María Guntín TRIBUNA

LUGO CIUDAD

05 may 2024 . Actualizado a las 18:48 h.

Dos tempos na Coruña lembro os longos paseos polo carril bici que percorre a cidade por riba do mar. Chegaba a María Pita sen apenas percibir nin coches nin peóns, cunha sensación de liberdade que debería ser receita nas consultas de saúde mental. De Madrid acórdome tamén dos centos de estacións espalladas pola cidade nas que podía conseguir, por uns 15 euros ao ano, o meu ansiado artefacto, e como baixaba ao Rastro cada domingo pedaleando, evitando as rúas que non tiñan un espazo segregado para as bicicletas e rodeando a cidade ata atopar o mellor camiño. Son os lugares polos que transitei, mais podería lembrar moitas outras pequenas urbes de dentro e fóra de Europa entre as que me somerxín con bicis prestadas ou alugadas.

Cheguei a Lugo e o primeiro que fixen foi mercar unha bicicleta que despois vendín ao entender que sen pedaleo asistido sería difícil empregala para os desprazamentos diarios, ao ter en conta as costas que se suceden por algúns dos barrios da cidade. E collín outra das modernas, unha eléctrica, como se di agora, e que certo é que empurra nas costas, pero que tampouco quita do pedaleo sen axuda a meirande parte do tempo.

Comezaron entón os paseos polo río Rato, pero tamén e case a diario os camiños que saen da aldea na que vivo e conducen ata o corazón da urbe amurallada. O tempo é o mesmo que o do coche, pero os beneficios que implica son infinitamente máis grandes. A sensación é de plenitude, mais o sabor agridoce invádeme ás veces cos comportamentos da xente, ben sexan peatóns ou condutores. Supoño que como todo, se trata de susceptibilidades. Penso de verdade que cun pouco máis de bicicleta pódense aforrar uns cantos atascos e ata, valente de min, me atrevo a dicir que algún carácter amargo se pode combater con algo de pedaleo. Collan a bicicleta, amigos lectores, que non se van arrepentir.